sábado, 15 de marzo de 2014

As Marchas da Dignidade en Ferrol Terra, encaran a Gas Natural Fenosa





Unha asemblea, con 10 intervencións a micrófono aberto, conformou a concentración convocada pola Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra. A concentración convirteu-se nunha Asemblea de Construción Social. A denuncia, entre outras, da pobreza enerxética xerada por estas multinacionais, da súa implicación en proxectos como REGANOSA... xuntáronse á denuncia da decisión política para, xunto a REPSOL, encargar en Asia a construción de catro gaseiros, mentres se deixa esmorecer os estaleiros públicos, e con eles esta comarca. Á concentración chegou a Columna Caranceira que veu andando desde Caranza e contou cunha faixa e simboloxía das  PAH de Ferrolterra e un representante de STOP Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, leu un comunicado de apoio ás Marchas.

Polo de agora só nos chegaron dous interesantes vídeos, un da emotiva intervención de Pablo Portero e un detalle da de Manuel A. Rodríguez Carballeira -Lalán.

A próxima cita, en Ferrol, o Luns 17 de Marzo, ás 17:30hs, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño. Participa !!

Intervención de Pablo Portero.

Intervención de Manuel A. Rodríguez Carballeira -Lalán.


---
COMUNICADO Á CIDADANÍA

Hoxe estamos aquí, as Marchas da Dignidade de Ferrolterra, diante das oficinas que representan a Gas Natural Fenosa, na nosa cidade. Pois queremos amosar a nosa indignación pola actuación desta grande corporación económica, que xunto a REPSOL, teñen ordenado a construción de catro buques gaseiros en estaleiros de Xapón e Corea do Sur.

Gas Natural Fenosa e Repsol, son uns dos reponsábeis da burbulla enerxética; do encarecemento do prezo do gas e da electricidade; da localización de Reganosa dentro da nosa ría; da pobreza enerxética que sofren moitos fogares, o que representa frío, miseria e enfermidade para miles de nenos e nenas, e maiores... e agora, cos contratos en Xapón e Corea, tamén cómplices da situación de emerxencia social desta comarca.

Os poderes económicos, entre os que se encontran estas multinacionais (que noutra hora foran empresas públicas), contan con gobernos que aplican políticas que lles favorecen. Non é de estrañar que logo moitos ex-presidentes, ex-ministros e ex-altoscargos, acaben nos consellos de administración destas grandes empresas facendo uso da chamada “porta xiratoria”. Aznar e Felipe González son dous exemplos claros.

Mentres que esta comarca esmorece, cun 32% de paro, unha emigración constante da xente máis nova e a pequena empresa e o comercio teñen as horas contadas, estas multinacionais españolas que se fan chamar patriotas, contratan en estaleiros do nordeste de Asia os catro buques que precisan (agardan contratar un quinto). Os estaleiros públicos de Ferrolterra, motor económico e social desta comarca, están sen carga de traballo, a penas un flotel que dará ocupación a 250 persoas do estaleiros de Ferrol, nada para o de Fene, mentres van máis de 3.000 postos de traballo perdidos, só nos estaleiros, motor da economía de Ferrol Terra.

As Marchas da Dignidade chamamos a illar socialmente a estas multinacionais, a aborrecer a súa propaganda enganosa que di que a súa “enerxía está ao servizo das persoas”, que é unha “enerxía social”, que teñen “compromiso e sostenibilidade”... cando o que están construíndo é pobreza, miseria e destruíndo o medio ambiente, mentres amasan cantidades inxentes de beneficio. Son exemplo do xeito que ten o capitalismo de medrar a costa do retroceso nas condicións laborais e da sobreexplotación do planeta sen ter en conta ás xeracións vindeiras.

Sen enerxía non é posible vivir. As Marchas da Dignidade queremos que sectores estratéxicos, dos que depende a vida das persoas, como é o sector enerxético, non esté en mans destas multinacionais do saqueo. Grandes empresas que non lles importa deixar sen luz  e calefacción a miles de familias con tal de que non mingüen os seus beneficios. Unhas corporacións que queren que as condicións laborais conseguidas por anos de loita nos estaleiros públicos (convenio, pagas, descansos, xornada de 8 horas, vacacións pagadas ...) desaparezan e deixen paso á precariedade, a xornadas interminábeis e a salarios de miseria.

 O pobo, mais do 85% dos cidadáns do Estado Español, temos que organizarnos, darlle as costas a estas empresas e aos seus gobernos, e buscar alternativas a este modelo enerxético xerador de pobreza. Debemos buscar alternativas a estes gobernos títeres dos poderes económicos. Os gobernos deben gobernar para o pobo e co pobo, e ser insubmisos a estas grandes corporacións.

Chamamos á conciencia e ao compromiso de toda a cidadanía. Temos que conseguir que unha maioría social se mobilice fronte ao grande poder destas multinacionais. Xuntas e xuntos podemos cambiar esta situación! Hoxe aquí diante de Gas Natural Fenosa, e o día 22 de marzo, marchando sobre Madrid.

PAN, TRABALLO E TEITO

A RÚA QUE XA E HORA!!!

Ferrolterra, a 14 de Marzo, de 2014

Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra

Contacto:
columnacaranceira@gmail.com
Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra:
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com/
Grupo aberto no facebook:
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/

Blogue da Plataforma Galega das Marchas da Dignidade:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/

Web Estatal:
http://marchasdeladignidad.org/
---