venres, 30 de outubro de 2015

Os compañeiros Santiago Lamelo, José Carlos Costoya e Manolo Camaño, fan balanzo deste 24O no Obradoiro e de todo o acontecido na súa contorna (actividades, sucesos, pronunciamentos, ...)


AÍNDA OCUPANDO O 60% DA PRAZA DO OBRADOIRO O 24-O FOI UN ÉXITO
.

Ao marxe de facer unha valoración máis completa e repousada na xuntanza que manteremos en breve a Comisión Coordinadora Galega das MMdD sobre a mobilización do 24-O, (por certo que é moi importante lembrar que se trata dunha comisión coordinadora na que teñen voz e voto, en pé de igualdade, e poden asistir sempre ao menos dúas persoas por organización, das que teñen subscrito o manifesto inicial das Marchas do 22M), vemos a necesidade de facer xa algunhas reflexións sobre do acontecido na mobilización do Obradoiro do 24 de outubro na que nos xuntamos entre tres e catro mil persoas, en torno a un 60% dos que o fixéramos o 29 de novembro de 2014.

DIGNIDADE. A bofe que fixemos unha mobilización digna. A dignidade é a que nos move e, sen dúbida, unha vez máis estivo presente no Obradoiro, si ben e certo que o obxectivo era o de encher e ateigar ese espazo emblemático e non o conseguimos. Quedámonos nese 50 ou 60% cando as matemáticas, polo número de apoios “on line” e ate os de “ultima hora”, podían facer crer que seríamos máis. Aínda así, en tempos onde o discurso hexemónico leva á desmobilización, desde as MMdD seguimos na nosa estratexia de facer posible a presencia na rúa sostida no tempo. De aquí coidamos que ten que partir o análisis e a reflexión, unha reflexión serea, que nos ten que facer valorar o acontecido tendo en conta tanto os FACTORES INTERNOS como os FACTORES EXTERNOS porque, está claro, que as manifestacións illadas, concretas, non son o obxectivo final das Marchas da Dignidade, son só un camiño, unha ferramenta, que busca construír, paseniño, UNIDADE NA LOITA. CONCIENCIA E UNIDADE DE CLASE. Nestes derradeiros tres días temos lido e ouvido algunhas valoracións feitas “dende a grada”, por xentes que nunca baixaron ao terreo de xogo a disputar pero tamen por compañeiros e compañeiras que noutras ocasións si que disputaron connosco o partido, e isto é o que a nós particularmente máis nos amola. Si gaña o equipo: “gañamos!!!!”, “que bos somos!!!". Si o equipo perde: “Menudos maulas!!!”, “Non valedes para nada!!!”, “Hai que cambiar o adestrador xa!!!”, “Hai que fichar a esta ou aqueloutro!!!”. Son valoracións que entendemos gratuitas por vir de onde veñen e como veñen, pero sobre todo inxustificadas e inxustas por vir de quen veñen. Algunhas persoas, alleas, está claro que queren acabar co movemento das MMdD pero,... e esas outras que estiveron connosco, o 22M, o 21X, e o 29N do 2014, e que desta vez non estiveron. Esas que sumadas dan ise 40% que non estivo... Porqué tratan de combater o movemento?

Ollando arredor non se entende. Porque temos claro que a conxuntura, onde a realidade socio-laboral, a política e a económica non só non ten mellorado senón que, polo contrario, se consolidou, a non ser que nos creamos os indicadores da EPA, IPC, PIB, etc., e cheguemos a unha conclusión diferente. A realidade é que a deriva da inversión do binomio das rendas do capital e do traballo ven a ser o indicador máis atinado para diagnosticar a conxuntura REAL. As condicións obxectivas para dar unha resposta popular, polo tanto, seguen a estar aí. Onde, como, cando e con quen se vai a dar esa resposta?. Onde está e quen propón a alternativa?

Só atopamos a explicación mirando que o momento político-electoral, e as súas pulsións cruzadas, controvertidas, e moitas veces tóxicas, domina o ambiente. O discurso hexemónico que, ao noso xeito de ver, acaba tragando as dinámicas dos partidos “rupturistas” e foi quen de instalar na conciencia de algunha xente que a “solución electoral” é o remedio ós seus problemas, máis aínda despois de asestarlle un bó golpe ao bipartidismo nas eleccións municipais. Máis isto non sería tan grave si non se incorporaran a dito discurso algunhas organizacións partidarias, xa non digamos as corporacións sindicais instaladas no Réxime. Esta variable distorsionadora e desmobilizadora afecta fundamentalmente ós vectores sociais máis politizados, á militancia, e a contornos das organizacións políticas.

Máis de tódalas maneiras, no conxunto da clase obreira e dos sectores populares, a xente que sofre o desemprego, os desafiuzamentos, a pobreza enerxética, as persoas, sobre todo a xuventude que ten que emigrar, aquelas que estudan unha carreira para logo incorporarse a un mercado laboral escaso e precario, onde impera o escravismo laboral, e moitas e moitos que seguen atizando os seus respectivos lumes con loitas locais ou sectoriais, coidamos que para nada entenden que van a vir as solucións despois do 20D.

Dende o punto de vista interno, a programación e o deseño do 24O, foi acordado por UNANIMIDADE da columna galega no mes de xuño, fai tres meses, e foi transmitido, compartido e socializado con todos os colectivos, organizacións e persoas de xeito inmediato.

Durante o verán, dende a Comisión Coordinadora das MMdD transmitíronse mediante TRES CIRCULARES, ademais dun permanente bombardeo de chamamentos, todas as pautas, suxerencias e orientacións de traballo a todas as organizacións, colectivos e persoas. Ó redor de 250 enderezos de correo.

En setembro celebramos a II Asemblea Galega das MMdD, na Coruña. Asemblea, como se sabe aberta, onde quen non participou foi porque non quixo.

Dende fai tres meses déuselle un impulso importante as nosas ferramentas de comunicación. Tanto o blogue como o facebook e o twitter das MMdD estiveron activos levando TODA, pero absolutamente toda, a información ó público en xeral. Honestamente pensamos que si non foi perfecto, o deseño e a dirección TRANSVERSAL E UNITARIA das MMdD si estivo á altura das circunstancias, prevendo, anticipando, orientando e atendendo a campaña, e tamén a precampaña, 24-O.

Na Columna Galega das MMdD formalmente estamos 67 colectivos, os últimos en incorporarse foron o SAGAP, a Marea Branca e a Iniciativa por unha Marea Galega máis, na práctica e na realidade, somos como moito unha ducia de colectivos activos. Desde o noso punto de vista a inmensa maioría dos colectivos non son alleos ás pulsións e actitudes das organizacións políticas por efecto simpatía, por colateralidade, por proximidade ou contaminación. Isto é moi fácil de entender porque, se vemos apatía e desidia ó redor, é moi difícil que un teña ilusión para o traballo. Obviamente este é un aspecto sobre o cal deberemos de discutir e reflexionar colexiadamente e dentro de cada colectivo ou organización.

O esforzo que se fixo para integrar na campaña a todo o mundo está fora de dúbida, pero tamén é obvio que algunhas organizacións deron o seu apoio “para quedar ben”, ou o que é igual; “APOIO” para non apoiar. Observamos no Obradoiro que houbo ausencias masivas e significativas de algunhas organizacións coñecidas e outrora como mínimo participantes no movemento. Para calquera que coñeza como se vertebran aos movementos sociais nos pobos, nas plataformas, etc, exceptuando a aqueles que teñen dinámicas propias, sabemos que as inercias e actitudes dos militantes organizados politicamente acaban determinando tamén as actitudes deses colectivos e organizacións. Constatamos que, de novo, volvéronse a producir chamadas preguntando por autobuses de lugares diversos da xeografía galega; de Monforte, do Barco, de Sober, de Ourense ou de Lugo. É obvio, unha vez máis, que as MMdD e o propio 24O teñen e tiveron máis predicamento e eco social que capacidade real de recoller a súa potencialidade, non só de cara a unha mobilización como a recente, senón para xestionar a súa organización a nivel comarcal, con carácter estable.

Non imos a profundar máis nisto, porque a bofe que as persoas medianamente intelixentes saberán interpretar, no até agora dito, as razón poderosas de non ter dado un paso de calidade e cuantitativo maior no 24O. Quen mobiliza a cidade de Compostela?. Onde estaba a xente que no 29N do 2014 nos recibiu na cidade cos brazos abertos e nos acompañou ao Obradoiro?.

Por todo isto negámonos a compartir cos que dín que esta mobilización foi un fracaso. Claro que non o foi!. O fracaso foi daqueles que teimudamente boicotearon todo o que quixeron, e aínda non contentos na súa paranoia, non están a aforrar descualificacións para minorar o impacto político e social do “VOLTAMOS O OBRADOIRO O 24-O”.

Aqueles que caen nese erro, non saben que cando descualifican ás MMdD, están en realidade descualificando a cada un dos colectivos e plataformas que as conforman. Ao noso entender hoxe non hai outra ferramenta que recolla e que sume o descontento e o sufrimento popular fora das MMdD. Dende as organizacións políticas, e sobre todo dende as corporacións sindicais, non só pola falta de vontade, coidamos que a estas alturas serían incapaces de atraer ó crisol de colectivos e xentes que sí incorporamos nas MMdD.

Tendo en conta o dito, a nosa valoración, a falla de outra máis pausada e repousada como comentamos ao principio, pode resumirse no seguinte:

PRIMEIRO: Partindo das variables negativas e de toxicidade analizadas o 24O foi un éxito, non só polas 3000 persoas congregadas no Obradoiro (a metade que o ano pasado) senón pola campaña feita, que aínda afectada por esas variables, foi un feito incontestable na Galiza, e a través dela chegamos a milleiros de galega e galegos de todo o País. Curiosamente a prensa do inimigo, dos que temos enfrente, non regala nada, e a súa valoración, casualmente, é mellor que a de moitos e moitas que se empeñan, sen conseguilo, en facer naufragar o noso movemento. Elas e eles terán que reflexionalo e explicar o porqué.

SEGUNDO: Queda garantida a continuidade das MMdD. As 3000 persoas que estivemos no Obradoiro o 24 de outubro non imos a deixarnos influír polo relato intencionado e pesimista da mediocridade daquelas e daqueles que en nome da nova política, que en realidade é ben vella e marxinal, actúan demostrando que non creen na mobilización na rúa.

Construír a unidade obreira e popular para a mobilización é moi complexo, e máis aínda nunha conxuntura convulsa como a presente. Supomos que será máis doado a partir do día 21 de decembro, cando os resultados electorais nos poñan cos pes na terra, a todas e todos. A mobilización social é unha ferramenta, como o é a folga, nunca é un obxectivo en si mesmo. A repercusión, e o cumprimento dos obxectivos fixados, responden a razóns dialécticas, ademais das cualitativas e as cuantitativas. Dende a ideoloxía obreira razoamos así, pretender extraer o cumprimento dos obxectivos ou o éxito dunha mobilización en base exclusivamente a cuestións cuantitativas, ademais de sesgado é reproducir, sinxelamente, o relato da clase dominante.

A visceralidade mostrada contra as MMdD por algunha xente que nun momento histórico como o que nos atopamos debería estar a carón noso déixaos ben retratados e avalan, ao noso entender ,a corrección deste movemento, da nosa traxectoria e da de todas as persoas, independentemente da organización ou colectivo ao que pertenzan, que nos partimos o peito, e a cara, dende fai dous anos pola unidade obreira e popular.

Todo isto non nos quita da necesidade de sermos autocríticos e de seguir facendo autocrítica co noso traballo, máis nunca imos caer no masoquismo inxenuo, como pretenden aquelas persoas que desexan ver o barco das MMdD varado nas pedras. Iso sería darlles a razón, e a razón dialéctica está a carón de nós.

REFLEXIÓN CAMARADAS!!!.

Na Galiza a 27 de outubro de 2015

Santiago Lamelo de FC-Somos Maioría d'A Coruña
José Carlos Costoya do S.F. da Confederación Intersindical
Manolo Camaño da CUT.

||||||||||||||||