mércores, 25 de maio de 2016

Unha primavera de mobilización e loita: As Marchas da Dignidade volvemos ás rúas o 28 de Maio con mobilizacions na Galiza e simultáneas, nesa data, en todo o Estado e no resto de Europa - Imos a Lugo este 28M, a construír entre tod@s unha Muralla de Dignidade

Unha primavera de mobilización e loita. O pasado 15M, mobilizaba-mo-nos en toda Galiza, no resto do estado e en todo o mundo, na #GlobalDebout. Coincidiamos desde as Marchas da Dignidade, co 5º aniversario do movemento das prazas 15M, e as mobilizacións promovidas polo #NuitDebout. Comezabamos a quentar motores para para este 28M, onde as rúas de Lugo e de Europa, van-se encher de voces e vontades para rematar co sistema inxusto que nos escraviza e empobrece.
"A situación política, social e económica está atravesando un dos peores momentos dos últimos tempos... A corrupción e o latrocinio xeneralizado, o apuntalamento dun sistema que permite a inxustiza, o empobrecemento e deterioro das condicións de vida de millóns de persoas... A xeneralización do traballo escravo, precarizado e sen dereitos... A falta de perspectiva para os nosos sectores produtivos, no agro, na pesca, na industria... O deterioro do medio ambiente, a destrución das nosas rías... É urxente frear as políticas que nos afunden en beneficio das transnacionais e dos máis ricos, das persoas cobizosas que acumulan toda a riqueza e o esforzo do noso traballo. Cumpre denunciar o TTIP (Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos entre EEEUU e a Unión Europea) e esixir unha pasaxe segura para as refuxiadas e inmigrantes, denunciando a deportación e os campos de internamento. Necesitamos unha outra sociedade, xusta e equitativa que pense no benestar e na saúde das persoas. Saiamos á rúa para defender os nosos dereitos como persoas, como pobo, con dereitos, con liberdade, pan, traballo e teito".
Diciamos este pasado 1º de Maio, falabamos do comezo dunha primavera de loita e mobilización, chamando este 28 de Maio, en Lugo, a construír entre tod@s unha Muralla de Dignidade. Como outras nacións, comunidades e pobos do territorio do Estado que se van mobilizar o mesmo día nun esforzo de acumular forzas contra inimigo común: as políticas do Capital transnacional e financeiro, que nos escraviza e somete.

Na Coordinadora Galega das Marchas da Dignidade, acordou-se este comunicado unitario que a continuación transcribimos.

O 28M LUGO UNHA MURALLA DE DIGNIDADE

Sobran razóns para seguir loitando


As Marchas da Dignidade volvemos ás rúas o 28 de Maio con mobilizacións na Galiza e simultáneas, nesa data, en todo o Estado.

Para as Galegas e os Galegos. O 28M, en LUGO converterase NUNHA MURALLA DE DIGNIDADE CONTRA A TROICA E OS PODERES ECONÓMICOS.

Nestas Mobilizacións nas que damos continuidade a grande mobilización do 22M de 2014 sobre Madrid onde a Columna Galega tivo una importante presenza, nomeadamente cos “trens da dignidade”, se convoca a todos os colectivos e persoas que desexan un vida digna, porque seguimos tendo moitos motivos para seguir loitando xa que pouco ou nada mudou a situación social na Galiza e no Estado, nos últimos tempos.

Os dereitos e liberdades fundamentais vulnéranse continuamente polas autoridades, dando contido á chamada “Lei Mordaza” e adoptando medidas exemplarizantes que levan a penas de privación de liberdade nunha escalada represiva desproporcionada que busca convencernos, mediante o medo, para quedar na casa.

A precariedade laboral continúa, Os ERES multiplícanse e os despedimentos caprichosos e disciplinarios campan ás súas anchas amparados por unha lexislación desfavorable para os traballadores e traballadoras froito das reformas laborais, así mesmo denunciamos a ampliación da idade de xubilación aos 67 anos, a non revisión segundo o IPC e o baleirado da caixa do Fondo de Reserva das Pensión. Vivimos cuns niveis de desemprego superiores ao 20% e un emprego inestable, precario e en condicións indignas. Incrementándose a figura do traballador e traballadora pobres, crecen as familias que contan con todos os seus membros sen ningún tipo de ingreso.

Os desafiuzamentos continúan. A educación volve á rúa coa entrada en vigor da LOMCE e a elitización da Universidade. A sanidade segue loitando por unha verdadeira universalidade que cada vez parece máis dubidosa. O sistema de seguridade social cambaléase e ameaza o futuro das prestaciones e as pensións. E a violencia machista continúa deixándonos cifras abraiantes dun feminicidio sostido.

Os políticos da dereita máis rancia e o poder económico quedan de novo retratados coas noticias sobre paraísos fiscais como o caso dos “papeis de Panamá” ou con tramas de corrupción que non fan máis que medrar.

E mentres, todos os días, vemos como miles de refuxiados buscan desesperadamente sobrevivir en cárceres ao aire libre ás portas de Europa, unha Europa insolidaria que trafica con mercancía humana con Turquía. ¡Non hai dereito a tanta vergonza! Ante isto non podemos permanecer calados/as.

Pero nada podemos agardar dunha UE que prepara o TTIP e os seus tratados irmáns que só buscan poñer aos pobos ao servizo das grandes multinacionais, como coñecemos grazas ás poucas filtracións que logran pasar o cerco que os mantén no máis estrito segredo.

Denunciamos a reforma do artigo 135 da C. E. para dar prioridade ao pago da débeda, unha débeda ilegal e ilexítima e que non debemos pagar, fronte a cubrir as necesidades da maioría social, denunciamos a perda de soberanía fronte aos dictados das institucións internacionais UE, BCE e troika, así como o Pacto de Estabilidade Presupuestaria que nos imporá máis recortes nos vindeiros anos para beneficiar á banca e as multinacionais.

Quérenos calados e caladas, pero vannos a atopar nas rúas de novo. Só desde a participación masiva, unitaria e organizada de millóns de traballadoras e traballadores, como impulsamos desde as Marchas, permitirá a revolución democrática para poder decidir todo o que nos afecta na nosa vida cotiá. Sóbrannos razóns para seguir loitando. Todas e Todos á rúa.

O 28M EN LUGO UHA MURALLA DE DIGNIDADE CONTRA A TROIKA.
PAN, TRABALLO, TEITO e DIGNIDADE
#MURALLADEDIGNIDADE

|||||||||||||||||