martes, 10 de xaneiro de 2017

Autoconvocatoria para este xoves 12 de xaneiro, ás 7 no Ateneo Ferrolán: intentar conseguir unha nova mobilización unitaria en Ferrolterra, co obxectivo de participar na convocatoria internacional contra o CETA


O pasado 21 de Decembro, conseguimos en Ferrolterra facer unha mobilización unitaria contra a pobreza enerxética, con relativo suceso, pensamos que dado a data concreta, onde tiñan lugar os diferentes festivais de nadal nas escolas e ceas de empresa ou amizades..., mais conseguimos reunir-nos baixo unhas reivindicacións concretas 31 colectivos e organizacións que valoramos moi importante.

Desta volta pretendemos conseguir unha nova mobilización unitaria en Ferrolterra, mais o obxectivo é o de participar na convocatoria internacional contra o tratado de comercio e investimentos entre a UE e Canadá (CETA - Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá) que está convocada para o sábado 21 de xaneiro. Tratado que está previsto que se debata no Parlamento Europeo a principios de febreiro, deste 2017, e que no caso de se aprobar, repetirían-se os debates nos diferentes parlamentos estatais, mesmo sería bo que se levara na Galiza aos diferentes concellos e ao Parlamento Galego, para crear un debate popular máis xeneralizado, mais iso depende dos partidos políticos e dos seus intereses.

O CETA é un tratado, no cal a modo de exemplo, de estar en vigor afectaría de cheo na nosa economía e ao noso poder de decisión. Todos lembramos o asunto da Mina de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) onde a empresa Edgewater (que aínda non renunciou definitivamente), de capital canadense quería explotar unha mina de ouro destruíndo montes enteiros e enchendo as nosa augas e ríos de cianuro. Pois ao rexeitar o proxecto a compañía mineira podería esixir unha indenixzación multimillonaria e sen someterse aos tribunais ordinarios de xustiza.

O CETA, como o TTIP e o TISA, non son tratados beneficiosos para as clase traballadora e o resto das clases populares, tanto de Europa, como de USAmérica ou Canada, só benefician a grandes corporacións transnacionais que impoñen os seus criterios para que os estados lexislen no seu beneficio, a cambio de transsacións comerciais ou investimentos que na maioría dos casos son moi prexudiciais para os pobos e o medio ambiente.

Desde a Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, decidimos promover unha autoconvocatoria aberta a partidos, sindicatos, plataformas, asociacións, ... co obxectivo de realizar unha mobilización comarcal, contra este Tratado e contribuír en Ferrolterra á grande mobilización internacional que se vai producir en Europa e Canada, o vindeiro sábado 21 de xaneiro de 2017.

Acordamos facer unha autoconvocatoria:

Día: xoves 12 de xaneiro.
Hora: ás 7 da tarde.
Lugar: Ateneo Ferrolán (Rúa Madalena, 202-204).


Proposta:
Desde as Marchas propoñemos realizar unha Concentración con intervencións das organizacións participantes, o sábado 21, ás 12 do mediodía, no Cantón, fronte ao Palco da Música.

Enlaces de interese:

http://nonaminadecorcoesto.blogspot.com.es/

http://www.noalttip.org/movilizaciones-descentralizadas-contra-el-ceta-21-enero/

---