sábado, 28 de maio de 2016

As columnas galegas das Marchas da Dignidade, confluiron en Lugo este 28M, ao tempo que se realizaban mobilizacións polo resto do estado e de toda Europa - Manifesto "Muralla de Liberdade"- A mobilización nos medios, reportaxe fotográfica e vídeo


MANIFESTO MURALLA DE DIGNIDADE


Unha vez máis, as Marchas da Dignidade estamos hoxe aquí, na rúa, reivindicando os nosos dereitos fronte a unha mafia financeira psicópata que non sente a dor allea, a dor dun pobo que está a padecer as súas políticas criminais coa complicidade de gobernos sicarios que non defenden a quen terían que defender; a nós, ao pobo, que é quen máis ordena. Loitamos contra esa mafia representada pola Troika, unha mafia que ninguén elixiu, pero que dita as normas que rexen as nosas vidas. Unha mafia que minte, extorsiona, engana e provoca mortes, como as que están a producirse no Mediterráneo. Non son mortes, son asasinatos.

Estamos a ver como os gobernos europeos, incluído o español, están a deportar, gasear e deportar a persoas refuxiadas que foxen das guerras provocadas polo imperialismo e o capitalismo, por eses mesmos gobernos que agora lles negan a entrada En Europa, incumprindo a Convención de Xenebra e a Declaración Universal de Dereitos Humanos. Están a comportarse dun xeito criminal, descoñecido en Europa desde a Alemaña nazi, e non podemos calar fronte a este crime contra a humanidade. Calar, faríanos cómplices da barbarie, e a loita das persoas refuxiadas tamén ten que ser a nosa loita.

Esta Unión Europea é unha unión de criminais e a historia xulgaraos como o que son. Non é a nosa Europa, é unha Europa sometida ás ordes das grandes multinacionais, ás ordes do poder económico. É ese poder quen quere impoñer un acordo de libre comercio entre Europa, EEUU e Canadá, o TTIP / CETA, negociando en segredo e con medidas que supoñen o maior atentado aos dereitos sociais dos últimos tempos. Un acordo que non someterán a referendo, nin se vai debater no Parlamento Europeo, unha baixada de pantalóns fronte á mesma mafia que está a provocar esta crise. O inimigo é o mesmo, sempre é o mesmo, aínda que tome diferentes formas.

Un inimigo poderoso que utiliza unha crise provocada para recortar os nosos dereitos, impoñendo medidas neoliberais que levan anos aplicando en numerosas partes do mundo. Privatizacións, recortes, rescates bancarios e reformas laborais son as mesmas receitas que aplican alí onde teñen oportunidade de facelo, e se non poden, acaban provocando golpes de estado encubertos como o de Honduras, Paraguai e, agora, Brasil. Por iso temos que loitar con unidade e pensando nese inimigo poderoso, porque se non somos quen de unirnos, imos perder esta loita. Temos que entender iso e traballar pola unidade das loitas, porque todas as loitas contra ese inimigo común, son a mesma loita. Se nos separamos, perdemos. E non podemos permitirnos perder esta loita.

O estado español o sabe, e por iso utiliza a represión, que cada vez é máis forte. Milleiros de persoas padeceron esta represión desde a aprobación da Lei Mordaza, persoas reprimidas duramente por exercer o seu dereito a manifestarse, a expresarse ou, simplemente, a existir. Unha represión que están a padecer agora mesmo no SAT, que levan varios días en folga de fame pedindo a liberdade de Andrés Bódalo, condenado á cadea nunha farsa á que chaman xuízo. Ou o caso dos dous titiriteiros, procesados pola representación dunha sátira, ou as compañeiras da CGT da Cofradía do Coño Insumiso, tamén procesadas, ou Alfon, Pablo Hásel ou César Strawberry, por poñer só uns exemplos coñecidos. Desde aquí, esiximos a absolución para todas as persoas represaliadas inxustamente polo estado, queremos xustiza, non queremos esta falsa democracia.

Usan a represión para asustarnos, porque non queren que paremos o que están a facer. Están a privatizalo todo, a regalar o que é noso a empresas privadas. Privatizan a sanidade pública, constrúen hospitais que quintuplican o seu custe coa xestión privada, como o Álvaro Cunqueiro. Déixannos sen medicinas ou vacinas, o cal provoca mortes, como ben saben as vítimas da Hepatite C. Non son mortes, son asasinatos. Privatizaron tamén os servizos de emerxencias, provocando descoordinación e situacións de perigo inadmisibles, como poidemos comprobar, recentemente, no incendio de Fandicosta, ou o que acontece todos os anos cos lumes forestais. O beneficio económico por riba das nosas vidas.

Por enriba, tamén, da vida das mulleres asasinadas pola violencia machista. Un feminicidio inaceptable e inasumible que temos que parar. Unha sociedade que permite estes asasinatos é unha sociedad enferma. Unha sociedade que non acabe co patriarcado e a discriminación das mulleres é unha sociedade enferma, e temos que cambiala. A loita das mulleres é tamén a nosa loita, e ten que gañar. Sen elas non hai revolución nin liberdade. Se tocan a unha, tócannos a todas.

Queren destruílo todo. Acaban coa educación pública, impoñen a LOMCE que non quere ninguén, precarizan ao estudantado, queren a universidade para unha elite e non lles importa o vergonzante paro xuvenil de máis do 50%. Non fan nada serio pola mocidade, non teñen o máis mínimo interese. A loita da mocidade tamén é a nosa, porque son o futuro do país. Un futuro negro como a contaminación que provocan as políticas medio ambientais baseadas na destrución e o consumo masivo. O cambio climático é unha realidade, e non están a facer nada para frealo. Esnaquizan a nosa terra construíndo autopistas coma a da Riveira Sacra, ou concedendo 75 anos máis a ENCE na Ría de Pontevedra, e non fan nada para defender os nosos recursos pesqueiros, gandeiros e labregos.

Pero non imos parar de loitar, non nos van deter mentres teñamos forzas. As Marchas da Dignidade seguiremos a traballar pola unidade das loitas, para ser máis fortes e poder facer fronte a toda esa mafia criminal que nos está a asoballar. Ven con nós, loita con nós. Canto máis fortes sexamos, máis débil será o inimigo. Temos que entendelo e deixar de lado as nosas diferenzas, que non son tantas.

Para iso están as Marchas, para xuntar todas as loitas e poder esixir:
  • Non ao pago da débeda ilexítima
  • Auditoría do déficit tarifario das eléctricas
  • Non ao TTIP
  • Economía ao servizo do pobo
  • Non á corrupción
  • Retirada da reforma laboral
  • Retirada da LOMCE
  • Defensa dos servizos 100% públicos e de calidade
  • Dereito á vivenda
  • Respecto ao medio ambiente
  • Medidas contra o cambio climático
  • Xustiza para as vítimas de ANGROIS
  • Defensa dos dereitos da mulleres
  • Dereitos para as persoas migrantes. Ningún ser humano é ilegal
  • Non á represión! Retirada da “Lei Mordaza”
PAN, TRABALLO E TEITO.
A LOITA CONTINÚA

A mobilización segundo os medios: Praza Pública, AGalega-TVG, Cuatro-TV, El Progreso, RTVE, TELE5 e LaSexta-TV.

Reportaxe fotográfica e vídeo:



Vídeo, de case 20 minutos de duración, do acto final na Praza Maior de Lugo, despois da marcha pola muralla romana.



Publicado por Xohan Rompe (LUGO), na súa Canle.

||||||||||||||||||||

mércores, 25 de maio de 2016

Unha primavera de mobilización e loita: As Marchas da Dignidade volvemos ás rúas o 28 de Maio con mobilizacions na Galiza e simultáneas, nesa data, en todo o Estado e no resto de Europa - Imos a Lugo este 28M, a construír entre tod@s unha Muralla de Dignidade

Unha primavera de mobilización e loita. O pasado 15M, mobilizaba-mo-nos en toda Galiza, no resto do estado e en todo o mundo, na #GlobalDebout. Coincidiamos desde as Marchas da Dignidade, co 5º aniversario do movemento das prazas 15M, e as mobilizacións promovidas polo #NuitDebout. Comezabamos a quentar motores para para este 28M, onde as rúas de Lugo e de Europa, van-se encher de voces e vontades para rematar co sistema inxusto que nos escraviza e empobrece.
"A situación política, social e económica está atravesando un dos peores momentos dos últimos tempos... A corrupción e o latrocinio xeneralizado, o apuntalamento dun sistema que permite a inxustiza, o empobrecemento e deterioro das condicións de vida de millóns de persoas... A xeneralización do traballo escravo, precarizado e sen dereitos... A falta de perspectiva para os nosos sectores produtivos, no agro, na pesca, na industria... O deterioro do medio ambiente, a destrución das nosas rías... É urxente frear as políticas que nos afunden en beneficio das transnacionais e dos máis ricos, das persoas cobizosas que acumulan toda a riqueza e o esforzo do noso traballo. Cumpre denunciar o TTIP (Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos entre EEEUU e a Unión Europea) e esixir unha pasaxe segura para as refuxiadas e inmigrantes, denunciando a deportación e os campos de internamento. Necesitamos unha outra sociedade, xusta e equitativa que pense no benestar e na saúde das persoas. Saiamos á rúa para defender os nosos dereitos como persoas, como pobo, con dereitos, con liberdade, pan, traballo e teito".
Diciamos este pasado 1º de Maio, falabamos do comezo dunha primavera de loita e mobilización, chamando este 28 de Maio, en Lugo, a construír entre tod@s unha Muralla de Dignidade. Como outras nacións, comunidades e pobos do territorio do Estado que se van mobilizar o mesmo día nun esforzo de acumular forzas contra inimigo común: as políticas do Capital transnacional e financeiro, que nos escraviza e somete.

Na Coordinadora Galega das Marchas da Dignidade, acordou-se este comunicado unitario que a continuación transcribimos.

O 28M LUGO UNHA MURALLA DE DIGNIDADE

Sobran razóns para seguir loitando


As Marchas da Dignidade volvemos ás rúas o 28 de Maio con mobilizacións na Galiza e simultáneas, nesa data, en todo o Estado.

Para as Galegas e os Galegos. O 28M, en LUGO converterase NUNHA MURALLA DE DIGNIDADE CONTRA A TROICA E OS PODERES ECONÓMICOS.

Nestas Mobilizacións nas que damos continuidade a grande mobilización do 22M de 2014 sobre Madrid onde a Columna Galega tivo una importante presenza, nomeadamente cos “trens da dignidade”, se convoca a todos os colectivos e persoas que desexan un vida digna, porque seguimos tendo moitos motivos para seguir loitando xa que pouco ou nada mudou a situación social na Galiza e no Estado, nos últimos tempos.

Os dereitos e liberdades fundamentais vulnéranse continuamente polas autoridades, dando contido á chamada “Lei Mordaza” e adoptando medidas exemplarizantes que levan a penas de privación de liberdade nunha escalada represiva desproporcionada que busca convencernos, mediante o medo, para quedar na casa.

A precariedade laboral continúa, Os ERES multiplícanse e os despedimentos caprichosos e disciplinarios campan ás súas anchas amparados por unha lexislación desfavorable para os traballadores e traballadoras froito das reformas laborais, así mesmo denunciamos a ampliación da idade de xubilación aos 67 anos, a non revisión segundo o IPC e o baleirado da caixa do Fondo de Reserva das Pensión. Vivimos cuns niveis de desemprego superiores ao 20% e un emprego inestable, precario e en condicións indignas. Incrementándose a figura do traballador e traballadora pobres, crecen as familias que contan con todos os seus membros sen ningún tipo de ingreso.

Os desafiuzamentos continúan. A educación volve á rúa coa entrada en vigor da LOMCE e a elitización da Universidade. A sanidade segue loitando por unha verdadeira universalidade que cada vez parece máis dubidosa. O sistema de seguridade social cambaléase e ameaza o futuro das prestaciones e as pensións. E a violencia machista continúa deixándonos cifras abraiantes dun feminicidio sostido.

Os políticos da dereita máis rancia e o poder económico quedan de novo retratados coas noticias sobre paraísos fiscais como o caso dos “papeis de Panamá” ou con tramas de corrupción que non fan máis que medrar.

E mentres, todos os días, vemos como miles de refuxiados buscan desesperadamente sobrevivir en cárceres ao aire libre ás portas de Europa, unha Europa insolidaria que trafica con mercancía humana con Turquía. ¡Non hai dereito a tanta vergonza! Ante isto non podemos permanecer calados/as.

Pero nada podemos agardar dunha UE que prepara o TTIP e os seus tratados irmáns que só buscan poñer aos pobos ao servizo das grandes multinacionais, como coñecemos grazas ás poucas filtracións que logran pasar o cerco que os mantén no máis estrito segredo.

Denunciamos a reforma do artigo 135 da C. E. para dar prioridade ao pago da débeda, unha débeda ilegal e ilexítima e que non debemos pagar, fronte a cubrir as necesidades da maioría social, denunciamos a perda de soberanía fronte aos dictados das institucións internacionais UE, BCE e troika, así como o Pacto de Estabilidade Presupuestaria que nos imporá máis recortes nos vindeiros anos para beneficiar á banca e as multinacionais.

Quérenos calados e caladas, pero vannos a atopar nas rúas de novo. Só desde a participación masiva, unitaria e organizada de millóns de traballadoras e traballadores, como impulsamos desde as Marchas, permitirá a revolución democrática para poder decidir todo o que nos afecta na nosa vida cotiá. Sóbrannos razóns para seguir loitando. Todas e Todos á rúa.

O 28M EN LUGO UHA MURALLA DE DIGNIDADE CONTRA A TROIKA.
PAN, TRABALLO, TEITO e DIGNIDADE
#MURALLADEDIGNIDADE

|||||||||||||||||

xoves, 19 de maio de 2016

Faladoiro da Dignidade en Lugo con Manuel Cañadas, Rocío Fraga, Isabel Vilaba e Rafa G. Escudero - Vídeos das intervencións no Acto


As Marchas da Dignidade, quentando motores para a cita do vindeiro 28M en Lugo organizando un Faladoiro da Dignidade.

A Columna Galega das Marchas da Dignidade, co organizou coa Columna de Lugo un "Faladoiro da Dignidade", foi un acto o día 13 de Maio de 2016 en Lugo, para falar das Marchas da Dignidade e da importancia de mobilizarse o día 28 deste mes de Maio, na que entraremos nas históricas murallas romanas de Lugo, patrimonio da humanidade, para conformar "Unha Muralla de Dignidade" | #MuralladeDignidade.

Dese a Columna de Ferrolterra, hoxe publicamos as catro interesantes intervencións das compañeiras e compañeiros convidados a participar neste Faladoiro. Con antelación o Concello de Lugo recepcionou aos compañeiros e compañeiras das Marchas nun acto de recoñecemento e solidariedade.

Fala Manuel Cañadas, do Campamento Dignidad de Extremadura.


https://youtu.be/QEKVQSOyPxs


Fala Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade do Concello d'A Coruña pola Marea Atlántica.


https://youtu.be/1db1ToC9byU

Fala Isabel Vilaba, Secretaria Xeral Sindicato Labrego Galego.


https://youtu.be/j7KuTcReHWk

Fala Rafa G. Escudero, do Sindicato Ferroviario.


https://youtu.be/mxFCvPPl6iY

Publicado o 17 de Maio de 2016 no Canle do Frente Cívico.

As Marchas da Dignidade, polos dereitos das persoas, dos pobos... e en defensa do medio ambiente; contra a Troika e as súas políticas austericidas que nos condenan ao paro e ao empobrecemento, contra o latrocinio das grandes corporacións transnacionais, contra o cambio climático... Un outro mundo é posíbel e necesario.

||||||||||||||||||||||||

domingo, 15 de maio de 2016

En Ferrolterra fomos á Praza este 15M - Vídeos


Hoxe ocupamos a praza neste quinto Aniversario do 15M, nom para conmemorar un aniversario dun diferente accionar, dun diferente debater, dun diferente organizar… senon que tamén para demandar, para reivindicar, para continuar facendo o que nunca deixamos de facer, reclamar os nosos dereitos, como cidadanía, como clase traballadora, como pobo... e defender o medio ambiente.

Este 15M as prazas de cidades, vilas e bairros en Francia están cheas de vida, denuncias e demandas. Chamanlle a #Nuitdebout (Noite en Pé). Desde esas prazas convocouse-nos en todo o mundo a saír á rúa, ocupar as prazas nun acto de solidariedade e confraternidade, para demandar que un outro mundo non só é posíbel, senón que é necesario.

Este fin de semana do 14 e 15 de Maio de 2016, estamos deixando un testemuño de esperanzas e rebelións comúns no que se lle chama a #GLOBALDEBOUT, unha Acción Global Internacional, foron centos de prazas públicas ocupadas nesta fin de semana, algunhas permanentemente.
¡Habitantes do mundo enteiro, fagamos derribar as fronteiras e construamos xuntos unha nova primavera global! Únete a nós para atoparnos, debater, compartir as nosas experiencias e as nosas habilidades públicas, e comezar a construír xuntos perspectivas e solucións comúns. E sobre todo, preparemos e lancemos xuntos unha gran acción internacional o 15 de maio para ocupar masivamente as prazas en todo o mundo nesta data.
#NoiteEnPé fixou-se como primeiro obxectivo a creación dun espazo de converxencia de loitas. Esta converxencia podería ir aínda máis lonxe e estenderse a nivel internacional. Existen lazos entre os numerosos movementos que se opoñen nas catro esquinas do mundo á precaridade, á imposición dos mercados financeiros, á destrución da contorna natural, ás guerras e ao militarismo, á degradación das nosas condicións de vida.
Como en moitas cidades de Europa e doutras partes do mundo, en Ferrolterra e na Galiza mobilízamo-nos este 15M.

Ao igual que en Ferrol, no resto das cidades galegas, tiveron lugar concentracións nas prazas, non só quentando motores en apoio da convocatoria do 28M na que entraremos nas históricas murallas romanas de Lugo, patrimonio da humanidade, para conformar "Unha Muralla de Dignidade", senón que tamén nos mobilizamos como en toda Europa na acción internacional #GlobalDebout.
   
Nesta Acción Global, dende París até Hong Kong, pasando por Galiza e Ferrol, polos dereitos das persoas, dos pobos... e en defensa do medio ambiente; contra a Troika e as súas políticas austericidas que nos condenan ao paro e ao empobrecemento, contra o latrocinio das grandes corporacións transnacionais, contra o cambio climático... Un outro mundo é posíbel e necesario.

As Marchas da Dignidade de Ferrolterra promovimos o #GlobalDebout en Ferrol e contamos co apoio e participación do Foro Galego de Inmigración, do comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, de STOP Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, do Colectivo Ártabra 21, da asociación Fuco Buxán AC, do Sindicato de Estudantes e da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas. E actuación musical do compañeiro Manolo Bacallao.

Uns paneis, onde desde diferentes posicionamentos políticos, houbo persoas que expresaron mediante a escritura as súas propostas, denuncias, protestas, ideas e proclamas políticas e sociais. Desde unha mesa das Marchas recollian-se datos para ocupar os buses que se desprazaran a Lugo o vindeiro 28M e se vebdian as camisetas da dignidade que conmemora a "Muralla de Dignidade" que pretendemos construír en Lugo no último sábado deste mes de Maio de 2016.
Á competencia e ao egoísmo, respondemos coa solidariedade, a reflexión e a acción colectiva. As nosas diferenzas non son fonte de divisións, senón a base da nosa complementariedade e da nosa forza común. Nin escoitadas nin representadas, nós, persoas de toda condición, reapropiamonos xuntos da palabra e do espazo público: facemos política, porque é asunto de todas.

Non é o momento de indignarse en solitario nunha esquina, senón de pasar á acción todas xuntas. Nós, o 99 %, temos a capacidade de actuar e de rexeitar definitivamente aos do 1 % e o seu mundo, para desaloxarlos das nosas cidades, dos nosos lugares de traballo, das nosas vidas.
A continuación presentamos o documento audiovisual do acto desta mañá no Cantón de Ferrol.


https://youtu.be/AJRG2TJWYWM?list=PLPJM30gA1QBi0xTVJJBEM7VS20aeT8WPF

Buscar, compartillar, incorporar ou baixar os vídeos por separado, até 11 documentos audiovisuais do acto, na Praza, desta mañá do 15M do 2016, na Canle das Marchas da Dignidade Ferrolterra | Ir á Canle.

||||||||||||||||||

Desemprego e Marchas da Dignidade, ... Por Maximino Pardo Lourido


Gustaríame empezar facendo referencia ao Tribunal Constitucional: sentenza 22/1981 do 2 de Xuño, establece co dereito ao traballo, non se esgota na liberdade a traballar, supón tamén o dereito a un posto de traballo. Este mesmo tribunal en sentenza 31/1984 de 7 de Marzo, di que o dereito ao traballo e compresivo dunha remuneración suficiente para satisfacer as propias necesidades da persoa e a súa familia, sen que se poida facer, unha discriminación por razóns de sexo.

- ESTÁN SAÍNDO ESTES DÍAS OFERTAS DE TRABALLO ONDE DIN QUE PAGARAN CON COMIDA E ALOXAMENTO... piden referencias, que sexan persoas cultas, honradas e non conflitivas.

- ISTO E O QUE NOS QUEDA AOS PARADOS E ÁS PARADAS servilismo e escravitude. Involucionamos a tempos da idade media encanto a dereitos laborais.

- EN FERROLTERRA, somos perto de 17.000 traballadores e traballadoras en paro apuntadas nas listas, destes sobre un 53%  non cobran ningún tipo de prestación.

Considerando que as persoas en paro son  coma os apestadas desa idade media, onde SINDICATOS esquécense deles, e as administración delegan súas funcións nas ETT, onde un intermediario privado cobra unha mordida, polo teu traballo e suor (nalgúns casos a xustiza considera esa forma de actuar coma proxenetismo - ou trafico de persoas no caso da administración cando nos deixa en mans privadas para que se lucren do noso esforzo e traballo, sendo estas as que tiñan que ofrecer ese servizo de forma gratuíta).

Gustaría-me recordar aquí, a laboura das MARCHAS DA DIGNIDADE
Á COLUMNA DE FERROLTERRA DAS MARCHAS DA DIGNIDADE comprometeuse con este colectivo e desde o 2014  se recolleron firmas, e se aportou información aos parados e paradas da comarca onde se formulan dous puntos irrenunciables, dada a critica situación :

- A contratación directa dos concellos de traballadoras e traballadores en paro das listas.

- E unha renda básica para a xente que estando no paro quedou sin prestacións e non teña recursos.

Foron moitas semanas (20) de traballo, a pé de rúa persoalmente causando-me gran satisfacción, fomos o desafogo de moitos parados e paradas que nos contaban a súa situación, moitas veces duras e dolorosas, que as veces contan mellor a un descoñecido que a xente de seu entorno mais directo.

- Despois de unhas 500 follas informativas repartidas por semana máis de 10.000  e unha asemblea tódolos xoves diante da Xunta, unhas 20, dúas roldas de prensa.

- Metinmos polo rexistro da xunta e do concello as máis de 1.300 firmas demandando eses dous puntos básicos.

- O seguinte paso foi aproveitar o cambio político nos concellos, para solicitarlles unha reunión cos alcaldes, solicitude que se realizou nos 20 concellos das tres comarcas.

- ATA O DE AGORA só tivemos dúas reunións, co alcalde en Ferrol, e unha concelleira de Ortigueira, e temos  pendente a de San Sadurniño e Cerdido, … polo de agora. Nestas reunións formulan-nos a súas dificultades. E nos contestamos: que non se pode seguir coas mesmas políticas de emprego, que só levan a dilapidar diñeiro publico, e casualmente case sempre acaba nos petos dos mesmos.

- Nos consideramos cas políticas contra o paro teñen que involucras a todo-los concellos das comarcas traballando de forma conxunta.

- Que hai que empezar a priorizar as axudas económicas, e subvencións, a empresas que comecen a practicar unha economía social e solidaria.

- Que hai que incidir en novas formas de emprego (A Unión Europea financia o 100% por 100% dos proxectos de recuperación medio ambiental e de loita contra o cambio climático, o que supón tendo aquí a Ría, as Fragas etc...) quedamos en seguir mantendo mais reunións con estes alcaldes. Coma comecei gustaríame rematar:

ARTIGO 129. 2 Os poderes públicos estableceran, os medios que faciliten o acceso dos traballadores a  propiedade dos medios de produción.

E ARTIGO 128.1 Toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal fora súa titularidade está subordinada ao interese xeneral.

NO SEI COMO SE TEN QUE TROCAR A CONSTITUCIÓN, PERO SI SEI QUE SI NON SE CUMPRE, NINGUÉN ME PODERÁ DICIR QUE VIVIMOS EN DEMOCRACIA. MOITAS GRAZAS

Fene, 9 de Maio de 2016

Maximino Pardo Lourido

Conta de facebook:
https://www.facebook.com/maximino.pardolourido


Nota.-

Centos de miles de traballadoras e traballadores son vítimas do traballo precario, eventual e esporádico. Como non ía ser menos ao compañeiro Maxi tocoulle o boleto duns días de traballo, de venres a martes, o que lle deixou sen poder participar na praza este 15M como era o seu desexo. Enviou-nos un escrito por se alguén se animaba e falaba por el. Aquí vai o escrito do compañeiro.
________________

martes, 10 de maio de 2016

O 15M imos tod@s á Praza - Concentración e asemblea ás 12 do mediodía no Cantón de Ferrol, este domingo 15 de Maio


15M TOD@S Á PRAZA

Este domingo, 15 de Maio, ás 12 do mediodía, en Ferrol, no Cantón, nas inmediacións do Palco da Música. Non faltes ! Participa !

Como en moitas cidades de Europa e doutras partes do mundo, na Galiza mobilízamo-nos este 15M.

Nas sete cidades, van ter lugar concentración nas prazas. E en Ferrol tamén o imos facer, non só en apoio da convocatoria do 28M na que entraremos nas históricas murallas romanas de Lugo, patrimonio da humanidade, para conformar "Unha Muralla de Dignidade", senón que tamén nos mobilizaremos como en toda Europa na acción internacional #GlobalDebout promovida pola #Nuitdebout (Noite en Pé).
  • Ferrol no mapa mundial da accións locais na #GlobalDebout | Acceder.
  • Ferrol na wiki do evento mundial |  Acceder.
Estaremos no 5º aniversario do movemento 15M, quentando motores para construír "Unha Muralla de Dignidade", o sábado 28M en Lugo.

E non faltaremos á Acción Mundial, dende París até Hong Kong, pasando por Galiza e Ferrol, polos dereitos das persoas, dos pobos... e en defensa do medio ambiente; contra a Troika e as súas políticas austericidas que nos condenan ao paro e ao empobrecemento, contra o latrocinio das grandes corporacións transnacionais, contra o cambio climático... Un outro mundo é posíbel e necesario.

En Ferrol, convocamos á #GlobalDebout desde as Marchas da Dignidade de Ferrolterra (Integrante da Columna Galega das Marchas da Dignidade).
Acción local na mobilización #GlobalDebout
  1. Presentación da Xornada.
  2. Paneis de ideas, denuncias e propostas.
  3. Intervención dos distintos colectivos participantes. Até o de agora:
    • Marchas da Dignidade Ferrolterra.
    • Foro Galego de Inmigración de Ferrolterra.
    • STOP Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo.
    • A.C. Fuco Buxán.
  4. Asemblea aberta: debate e recollida de propostas para cambiar a situación actual.
  5. Actuación musical: Manolo Bacallao, ...
Domingo, 15 de Maio, ás 12 do mediodía, en Ferrol, no Cantón, nas inmediacións do Palco da Música.

Evento no Facebook:
https://www.facebook.com/events/527124170807967/

Pan, Traballo e Teito !
Á rúa que xa é hora!
Marchas da Dignidade Ferrolterra

|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||

xoves, 5 de maio de 2016

Asemblea das Marchas das Dignidade Ferrolterra, este venres 6 de Maio, ás 6 da tarde en caranza, no local de Fuco Buxán


PARTICIPA NA ASEMBLEA DAS MARCHAS DA DIGNIDADE FERROLTERRA


Este venres 6 de Maio ás 18:00hs en caranza, no local de Fuco Buxán (Rúa Armada Española, 32 baixo).

Coa seguinte orde do día:

1.Preparar a mobilización do vindeiro 15M (Domingo) que vai ter lugar às 12 do mediodía na Praza do Concello de Ferrol, diante do Palacio Municipal.
- Deseño do Acto (Asemblea, palestras, actuación musical, ...).
- Difusión do mesmo (Cartaces, octavillas, redes sociais, envento no facebook, cooreos, twitter, ... boca a boca, ...). falar con organizacións concretas para que participen, ...).
- Garantir intervencións, ao menos dúas, unha que faleda acción internacional que vai ter lugar ese día promovidas polos movementos #NuitDebout que ocupan as prazas en toda Francia e que se estenderon por todo o mundo contra unha democracia secuestrada por corruptos e banqueiros. E por outra banda outra que sitúe o marco das tres comarcas e Galiza.

2. Información sobre a Coordenadora Galega das Marchas da Dignidade que tivo lugar o pasado luns 2 de Maio en Compostela.

3. Preparativos para o 28M en Lugo.
Tarefas aprobadas na anterior asemblea:
-Chamar a xente das listas dos buses, Inacio, Rubén, Elvira. O 9 de maio ás 18:00 no local de Fuco en Caranza.
-Presuposto buses a Lugo. Pedro.
-Empezar a mover polas redes sociais. Apróbase a proposta de vídeo para chamar a participar no 28MLugo
-Merchandising: Collemos 28 camisolas e 50 chapas

4. Outros asuntos de interese.

Marchas da Dignidade Ferrolterra

Contacto:

Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  |
Teléfono: 602 587 531 |

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!

|||||||||||||||||||